O festival Alguén que respira! non logrou esquivar a ameaza da covid. Este martes, a organización decidiu aprazar o seu recital de clausura despois de que un dos artistas do cartel, Rodrigo Cuevas, dese positivo por covid nun test realizado pouco antes de iniciar os ensaios no Teatro Principal de Compostela, sede do festival. Deste xeito, o que estaba convocado como un acto festivo para atravesar a noite máis longa do ano acabou sendo unha nova demostración de que a pandemia arrecia.
O festival Alguén que respira! organizouse nesta edición de 2021 en catro sesións ao longo do ano. O obxectivo era sortear as limitacións de aforo impostas pola covid pero finalmente a pandemia acabou por arrastrar o festival e fíxoo, ademais, na xornada de clausura, concibida como un acto festivo con dous creadores de marcado carácter lúdico: o galego Projecto Mourente e o asturiano Rodrigo Cuevas, este último considerado pola crítica especializada española unha das grandes revelacións do ano. Unhas horas antes de facer os ensaios, previstos para as 16,30 da tarde, Cuevas comezou a sentirse mal e un test de antíxenos confirmouno: era positivo por Covid. Nese momento, a dirección do festival, organizado polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, decidiu aprazar o recital.
Tanto o programa de Cuevas como o de Mourente están concibidos especialmente para o festival compostelán, que lles encargou a eles a proposta para atravesar xuntos a noite máis longa do ano. A oportunidade era única por múltiples razóns. O respira! celébrase habitualmente arredor do 21 de marzo –o Día Mundial da Poesía– e era excepcional este cambio entre o equinoccio de primavera e o solsticio de inverno. Pero tamén resultaba unha oportunidade única de ver a Rodrigo Cuevas nun formato infrecuente: o íntimo. A confluencia astral non o fará posible xa ata o próximo ano.