O Alguén que respira! está este ano dedicado a tomar perspectivas sobre o horizontes da poesía e da vida. Para facelo, un dos recitais máis singulares é o que ofrecerá a posibilidade de revisar a traxectoria dalgúns dos máis singulares representantes dos Neos, a xeración que se acuñou hai precisamente dez anos e que deu algúns dos mellores froitos da poesía galega actual. Catro desas personalidades –Berta Dávila, Lara Dopazo, Gonzalo Hermo e Ismael Ramos– lerán os seus poemas o día 21 a partir das oito da tarde no Teatro Principal pero previamente –pola mañá, ás doce do mediodía no ambigú do teatro– celebrarán un faladoiro con María Xesús Nogueira, que hai unha década os antologou no volume A poesía galega próxima.
No recital non faltarán novidades xa que Berta Dávila dará a coñecer os seus últimos poemas, xénero no que non se adentraba des que publicada O derradeiro libro de Emma Olsen, en 2013. Será, portanto, unha oportunidade moi especial para percorrer os vieiros literarios e vitais dunha muller que non publicou ningún poemario desde entón.
O caso de Dávila non será o único, xa que tamén Gonzalo Hermo desvelará algúns dos textos de Un xesto de tenrura, libro que lle valeu a útima edición do Premio González Garcés e que permanece inédito.
No caso de Lara Dopazo, todos os poemas que lea na tarde do día 21 serán inéditos, un deles cunha duración de once minutos que pertence á produción máis recente da autora de Os lobos na casa de Esaú.