Unha explosión de poesía e un teatro cheo inauguran o IX Alguén que respira!

Alguén que respira! comezou na tarde do mércores a súa novena edición coa forza do manifesto de Olga Novo e a explosión da regueifa, que deparou non poucas sorpresas: a improvisación de Sechu Sende e de dúas rapazas de seis anos que supoñen a remuda da máis xenuína exposición da poesía popular galega.  Logo, xa no interior dun Teatro Principal cheo, catro poetas de distintas latitudes e propostas –Andrea Nunes, Simon Ó Faoláin, Cristal Méndez Queizán e Elsa Montes– serviron de motor para un programa onde o festival fixo memoria da súa propia historia. Son máis de trescentas as persoas que pasaron polo Principalde Compostela nos últimos nove anos, o cal o converte no gran acontecemento da poesía en Galicia das últimas décadas.