Desde as once da mañá deste martes 21 de decembro poderás retirar os teus convites para A poesía dá a nota, recital que pecha o programa no 2021 do Alguén que respira! Os convites están disponibles no despacho de billetes e mais na web do Concello de Santiago, compostelacultura.gal. Será un acto de vocación lúdica no que a poesía nos axudará a atravesar a noite máis longa do ano xunto a Rodrigo Cuevas e Projecto Mourente.
Serán dous programas concibidos especialmente para o festival compostelán, que lles encargou a eles esta insólita e luminosa proposta para atravesar xuntos a noite máis longa do ano. A oportunidade é única por múltiples razóns. O respira! celébrase habitualmente arredor do 21 de marzo –o Día Mundial da Poesía– e resulta case un xogo de prestidixitación este tránsito entre o equinoccio de primavera e o solsticio de inverno. E tamén será excepcional ver a Rodrigo Cuevas nun formato íntimo.
As entradas pódense reservar unicamente no mesmo día do recital. Están dispoñibles a partir das once da mañá na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C, situado na Praza de Cervantes. Tamén se poden retirar no propio teatro desde unha hora antes do acto.
Projecto Mourente [alcume baixo o que traballa Carlos Valcárcel] preparou unha sesión de vinte minutos de duración na que interpretará composicións inéditas sobre textos de Francisco Cortegoso, Ana Romaní, Lois Pereiro, Lorena Souto ou Carlos Callón. O artista, unha das estrelas do pop electrónico galego, publicou tres discos, entre eles o lendario Baixo os eucaliptus. A súa actuación no respira! é, en certo modo, un reencontro co público en directo, do que leva xa afastado varias temporadas.
Rodrigo Cuevas [Ovieu, 1985] é un fenómeno da escena que se autodefine como “axitador folclórico”. A súa proposta para o festival baséase nun achegamento íntimo, sentado nunha butaca cunha pequena mesa de sala. Ademais chega a Compostela con este programa especial cando vivimos a plena efervescencia do seu último traballo discográfico, Manual de cortejo, que o convertiu para moitos medios no mellor artista do ano.
A poesía dá a nota é unha forma festiva de acabar a edición do festival pero tamén de celebrar a alegría común da poesía nun momento en que semellamos inmersos nunha eclosión de individualismo pandémico. Por suposto, a organización do festival manterá de maneira estrita os protocolos anti-covid.