Unidade didáctica

Na presente Unidade Didáctica [preme sobre esta ligazón] celebraremos a Poesía, nas datas arredor do seu Día Mundial, o 21 de marzo, en toda a súa potencia: no seu sentido etimolóxico, índolle á raíz ‒o substantivo grego ποίησις ‘acción, creación’‒. A poesía como arte de acción, mobilizadora, transformadora, poderosa, en diálogo coas artes e co coñecemento, cos teatros, cos bares e coa rúa, coa música, coa performance, co papel impreso e coa oralidade. O 21 de marzo foi escollido como Día Mundial da Poesía pola UNESCO, no ano 1999. É a data na que ten lugar o equinoccio de primavera no hemisferio septentrional. Atendendo á declaración da UNESCO, “a poesía éunha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas  por medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao cuestionar de xeito sempre renovado a maneira en que usamos as palabras e as cousas, e os nosos modos de percibir e interpretar a realidade. Grazas ás súas asociacións e metáforas e á súa gramática singular, a linguaxe poética constitúe, xa que logo, outra faceta posíbel do diálogo entre as culturas (…) Por outra parte, este Día ten como propósito promover o ensino da poesía; fomentar a tradición oral dos recitais poéticos; apoiar as pequenas editoriais; crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación para que non se considere unha forma anticuada de arte, senón unha vía de expresión que permite ás comunidades transmitir os seus valores e reafirmarse na súa identidade; e reestabelecer o diálogo entre a poesía e as demais manifestacións artísticas, coma o teatro, a danza, a música e a pintura”. A poesía, á fin e ao cabo, é algo que forma parte da nosa idiosincrasia, que forma de expresión necesaria para as persoas e para as comunidades. Algo que forma parte de nós, tanto como o propio acto de respirar.