Vós escribides o poema

Visibilizar a cultura nun momento tan sombrío como o actual é un dos obxectivos de Alguén que respira!, o festival de poesía que se desenvolve no Teatro Principal de Santiago de Compostela entre o 19 e  21 de setembro. Aprazado en marzo por causa da covid-19, o respira! cambia o solsticio de primavera polo de outono pero conserva a súa esencia de servir como motor de creación poético, con cinco estreas e a presenza de máis de trinta de poetas.Toda a información do festival pode seguirse na páxina www.alguenquerespira.gal, que cada día inclúe informacións novas.

 

 

A terceira edición do Alguén que respira! chega carregada de emocións e acontecementos, pero tamén de retos e compromisos. Durante tres días e cun programa de recitais excepcionais, o festival busca o máis difícil: romper as barreiras entre público e poetas nunha época de distancias físicas. Fronte aos límites impostos nas relacións sociais pola emerxencia sanitaria o festival pretende converter a poesía nun instrumento de aproximación comunitario.

O lema desta nova edición, Vós escribides o poema, amosa xa ata que punto o respira! asume e valora a necesidade de afianzar o compromiso do público coa cultura. Os protocolos contra a pandemia do covid-19 establecen aforos reducidos e medidas de circulación que, como un manual de instrucións, converten cada acto social nunha posta en escena performática e ao público en performers. Mesmo, a súa asistencia é un desafío que o festival agradece converténdoo no eixo dunha programación marcada pola sorpresa, as propostas máis arriscadas e a fisicidade, signos singulares dun programa único en Galicia, promovido polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A responsabilidade é grande para a organización e baixo este principio articulouse o respira! baixo as máis estritas medidas de seguridade. O obxectivo é que o festival e o propio Teatro Principal sexan un expositor de como desenvolver programas culturais cos parámetros de seguridade máis esixentes. Tan importante é garantir a protección de participantes e público como visibilizar os encontros culturais nun momento tan sombrío para a cultura como o actual.

Houbo cambios respecto do programa previsto en marzo, algúns significativos, como a suspensión do apartado out, que ía celebrarse en distintos espazos de ocio nocturno da cidade. Así, por vez primeira non se celebrará o slam do respira!. Pero tamén hai suxestivas novidades, como o recital de Lupe Gómez –que leva xa anos sen ler os seus poemas en público– ou a presenza de Ada Salas, unha das poetas que contribuíron a ensanchar os códigos líricos da chamada poesía do silencio. 

A elaboración dun programa propio foi un dos sinais de identidade do Alguén que respira! nas primeiras convocatorias e nesa liña, este ano programouse unha ambiciosa rede de propostas realizadas para o Teatro Principal, ademais doutros espectáculos que chegan por primeira vez a Galicia, como é o caso da peza de Miguel Azguime con Salt itinery. Poetas, instrumentistas, compositores e compositoras, actores, performers ou videocreadoras ofrécennos os seus traballos de hibridación artística, indagando en linguaxes propias e alleas, arriscándose coa palabra ou co silencio, co ruído ou coa voz, pero sempre en contacto coa indicible condición de asombro e estrañeza que contén a poesía. 

O programa inclúe o sábado 19, a partir das 21 horas, unha homenaxe á recentemente falecida Luz Pozo Garza, poeta que escribiu o manifesto deste ano. A mais da lectura do texto –que realizará Nieves Neira–, proxectarase Luzazul, gravación reeditada especialmente para o festival dunha longa entrevista que a poeta realizou na TVG. Pouco despois terá lugar o recital poético de apertura, coa participación de Beatriz Chvite, Lupe Gómez, Renato Filipe Cardoso, Manuel Rivas, Blanca Llum e Ada Salas.

Ese mesmo 19, pero pola mañá, a partir das 12:30, está prevista unha sesión de reguefa con algúns e algunhas das regueifeiras con maior pericia do país, Lupe Blanco, Josiño da Teixeira, Olalla da Prica e Manolo de Burela.

Pola tarde e antes do recital inaugural, preséntase unha proposta singular, proxectada para o festival e realizada polo seu equipo artístico. Na dirección Antón Lopo e Baltasar Patiño na iluminación. A documentación foi de Séchu Sende e o espazo sonoro un deseño de Ana Romaní e Chus Silva. Sobre o escenario do Teatro Principal, corpos construídos a si mesmos como ámbitos literarios. Poesía de radical fisicidade, con versos de Manuel Antonio ou de Cunqueiro, que os visitantes poderán ler escritos sobre un soporte insólito: a pel. Charo Lopez, Lupita Hard, Paulinha, Nébeda Piñeiro, Xosé Antonio Liste, Millán Fernández e Sonia Outes son os performers que nos achegan os seus corpos para a particular lectura.

Tamén poderá verse por vez primeira Sentadas na beira do escenario cos pés colgados, unha proposta de Celso Fernández Sanmartín que supón o seu regreso á linguaxe poética. A esta peza, que poderá verse o venres ás oito da tarde, súmase a homenaxe que o festival lle rende ao poeta Francisco Cortegoso a través de Je vous salue, Fran Cortegoso, realizada por Pablo Fidalgo.

Polos diferentes espazos do festival poderán escoitarse e verse a case cincuenta poetas, algunhas delas inéditas en Galicia. A poesía en catalán terá unha sesión específica o domingo día 20 pola mañá con André Targa, Pol Guasch e Pau Vadell.

Entre os nomes incluídos no programa, figuran ademais Lara López, María Lado, Rafa Lobelle, Carlos Quiroga, David Trashumante, O Leo ou Rosalía Fernández Rial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará