Xa se poden reservar entradas para ‘Salt itinerary’ de Miguel Azguime

Desde este xoves [17 de xuño] xa podes reservar as entradas para un dos programas máis esperados da temporada, a proposta de Miguel Azguime no Alguén que respira!, que se celebra en Compostela ao longo do ano. A segunda xornada ten lugar, precisamente, este luns día 21 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. O día máis longo do ano levará, así, o selo deste festival de poesía que se iniciou o 21 de marzo e que se prolongorá con programas específicos o 21 de setembro e o 21 de decembro.

As entradas para ver Azguime coa súa impactante ópera Salt itinerary pódense reservar a través da web compostelacultura.gal ou na Zona C. Punto de Información Cultural, na Praza de Cervantes, que está aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Os domingos de 11 a 14 horas. Con todo, desde o Concello de Compostela, que organiza o festival, recoméndase o uso da web.

Aínda que a proposta de Azguime ten aforo limitado, o programa conta  cun espectáculo de acceso libre: as regueifas que protagonizan Xurxo Souto, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda a partir das 19 horas. Formarán dúas parellas que sairán de dúas prazas da cidade [Praterías e Toural] e virán reunirse diante do Principal, onde farán unha sesión conxunta xa con instrumentos musicais. E como, en principio está prevista chuvia, os regueifeiros téñennos preparada unha sorpresa vinculada coa posta en escena.

O respira! acolle este ano a un dos artistas portugueses máis admirados das ultimas décadas, Miguel Azguime, que estrea en Galicia Sal itinerary, unha refexión sobre a creación e a loucura. Trátase dunha ópera multimedia que xira arredor da linguaxe, da palabra-sentido e da palabra-son, ambas tratadas como dimensións da voz en canto extensión do corpo e totalmente integradas na construción escénica como proxección tanxíbel da resonancia das palabras. Audio, vídeo e procesos electrónicos en tempo real asociados á proxección espacial da voz, da poesía, do xesto, da música e do trazo, concibidos para desenvolver unha polifonía de sentidos, un contrapunto de significados e mais unha exuberancia de emocións.

Azguime está aocmpañado por Paula Azguime [staging & video creation; proxección de son e live-electronics],Presea Mamdillo e André Bartetzki [videoprogramación]. A proposta ten desenvolvemento técnico de Miso Studio.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará