Faltan poucas horas para que se levante o pano do Teatro Principal de Compostela e comece o Alguén que respira!, co que Galicia celebra este 21 de marzo o Día Mundial da Poesía. Esta sétima edición do festival, marcada polos múltiples conflitos armados do mundo global, é sen dúbida a que interpela con maior inquedanza as consciciencias, en especial co recital do día 22 que reúne a potente carga emocional da rifeña Karima Ziali (na fotografía), a saharaui Zahara el-Hasnaui, o kurdo Hekin Sefran ou o palestino Mohamad Bitari. Canda eles a andaluza Isabel Martín e o galego Samuel Merino, que percorren os vieiros dos conflitos da identidade e da desigualdade social.
Os versos deste recital non só arrastran polo seu horizonte as sombras de loitas centenarias en defensa da dignidade, senón que afondan na súa dimensión literaria na dor que asolaga o mundo invisible ao outro lado das nosas costas. Estamos ante palabras que estremecen e que nos fan vibrar coa luninosidade da esperanza e a imparable marcha do seu canto.