O sábado regresa ao Teatro Principal o programa Atravesei a cerca!

Un ano máis, o programa Atravesei a cerca vove este sábado 21 de marzo ao Alguén que respira! para darnos a oprotunidade de visitar algúns dos espazos máis inusuais do Teatro Principal de Compostela, sede do festival. Será ás seis da tarde e reunirá a David Trashumante, Antón Reixa, Alexandre Fernández Peón e Ana Romaní xunto a Chus Silva.

 

Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico: catro estrelas na gravitación da poesía

O Teatro Principal de Compostela acolle este venres un recital insólito: o de catro estrelas da música galega que chegan ao Alguén que respira! atraídas pola gravitación da poesía. Trátase de Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico, que ofrecerán un programa onde a música se mestura coa poesía para ofrecernos unha programa irrepetible. Será a partir das oito e media da tarde. Estamos ante unha noite histórica!

Unha explosión de poesía e un teatro cheo inauguran o IX Alguén que respira!

Alguén que respira! comezou na tarde do mércores a súa novena edición coa forza do manifesto de Olga Novo e a explosión da regueifa, que deparou non poucas sorpresas: a improvisación de Sechu Sende e de dúas rapazas de seis anos que supoñen a remuda da máis xenuína exposición da poesía popular galega.  Logo, xa no interior dun Teatro Principal cheo, catro poetas de distintas latitudes e propostas –Andrea Nunes, Simon Ó Faoláin, Cristal Méndez Queizán e Elsa Montes– serviron de motor para un programa onde o festival fixo memoria da súa propia historia. Son máis de trescentas as persoas que pasaron polo Principalde Compostela nos últimos nove anos, o cal o converte no gran acontecemento da poesía en Galicia das últimas décadas.

Levántase o pano do Teatro Principal para acoller o gran festival da poesía en Galicia

Hoxe, mércores 18 de marzo, o festival Alguén que respira! volve levantar o pano do Teatro Principal de Compostela para celebrar a chegada da primavera coa forza da palabra e da voz. Serán catro días de intenso programa no que poderemos non só escoitar a grandes nomes da oralidade en Galicia –desde Estevo Creus e Nuria Vil a Silvia Penas e Samuel Merino, pasando por Isaac Xubín, Lucía Aldao, Nieves Neira e María Grandío– senón tamén sentir os versos en gaélico, portugués, castelán, catalán e vasco a través de poetas de obra tan impactante como a de Pol Guasch, Miren Agur Meabe, Raquel Patriarca, Simon Ó Faoláin ou Ana Rosetti. Performances, postas en escena, nomes lendarios como Olga Novo e Xabier Cordal, propostas híbridas como a de Ana Romaní e Chus Silva ou a oportunidade de visitar os espazos máis secretos do propio teatro xúntanse con propostas extraoridnarias como a que unirá por vez primeira nun escenario a catro figuras da música contemporánea en Galicia: Faia, Guadi Galego, Woyza e Nuno Pico. E isto é só unha mostra do despregamento que o Alguén que respira! che propón para celebrar o Día da Poesía. Unha oportunidade única de facer memoria e construír futuro.

‘Deuses de pedra’, de Iván Castiñeiras, a imaxe convertida en poética da memoria

O Alguén que respira! ofrece por primeira vez a proxección dunha película, e faino cunha obra de Iván Castiñeiras,  titulada Deuses de pedra, onde a imaxe se viste de poesía para captar –como moi poucos traballos fílmicos en Galicia– a densidade da memoria. Castiñeiras, que rodou a súa película durante quince anos, estará o sábado 21 ás doce do mediodía no ambigú do Teatro Principal de Compostela para narrarnos a súa experiencia. Media hora despois, ás 12.30, proxectarase Deuses de pedra, que ten unha duración de 84 minutos.

O traballo de Iván Castiñeiras sitúase a medio camiño entre o documental e a ficción. A través da posta en escena de historias nas que os universos real e imaxinario se mesturan, as súas películas abordan cuestións xeopolíticas de fronteira e territorialidade. Narran a historia de personaxes “á marxe” —contrabandistas, emigrantes, exiliados, aventureiros— que se sitúan entre o visible e o invisible e que revelan un xeito de vida fóra do común. Estas narracións constitúen unha construción da memoria individual e colectiva, onde o contexto real e o mito se cruzan para crear finalmente unha nova realidade, modelada por un xogo de resonancias temporais e históricas.

A poesía como experiencia viva

Alfredo Rodríguez durante a súa proposta de poesía performativa en 2019

Dende a súa creación, Alguén que respira! consolidouse como unha das citas máis singulares do panorama poético galego e estatal, un espazo aberto á experimentación e ao diálogo entre linguaxes artísticas. O festival aposta polo encontro entre xeracións, pola convivencia entre tradición oral e creación contemporánea e pola exploración da poesía como experiencia colectiva e viva.

Xa se poden retirar os convites para asistir aos recitais do Respira!

Desde o venres 13 de marzo, pódense retirar xa os convites para asistir aos recitais do Alguén que resppira!, o festival que acolle o Teatro Principal de Compostela desde o 18 ao 21 de marzo, Día da Poesía.

Todas as actividades son de balde, previa retirada de convites (máximo dous por persoa) de forma anticipada web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do comezo de cada un deles. A asistencia aos cafés-faladoiro das mañás no ambigú do Principal é libre sen necesidade de reserva até completar capacidade.

 

Presentado aos medios de comunicación a novena edición do Alguén que respira!

Do mércores 18 ao sábado 21 de marzo, o Teatro Principal de Compostela acollerá a novena edición do Alguén que Respira!, unha cita que reunirá en a poetas, artistas, pensadoras e pensadores arredor dun programa onde se combinan os recitais, as conversas, o cinema, a ciencia e as propostas performáticas. A poeta Olga Novo será a encargada de ler este ano o Manifesto do Día Mundial da Poesía nunha edición que sitúa a memoria como eixo central da súa programación. O festival está organizado polo Concello de Santiago de Compostela e conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.

Os detalles da programación foron presentados este venres 13 de marzo nunha rolda de prensa coa participación da concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director do festival, Antón Lopo.

Durante a presentación, Míriam Louzao salientou o valor do Respira! como “espazo que fai da palabra poética un lugar de encontro entre creadores e creadoras, entre disciplinas artísticas e tamén entre xeracións e públicos moi diversos” consonte ao entendemento de que “a poesía é moito máis que un xénero literario; é unha forma de coñecemento, é unha maneira de mirar o mundo e tamén é unha ferramenta para pensármonos como comunidade”.

Pola súa parte, Valentín García lembrou a contribución ao prestixio e á produción poética en lingua galega que representa o Respira evindenciando “a capacidade de creación dos nosos creadores e creadoras, e a poesía como un dos buques insignia dentro da nosa estrutura e da nosa capacidade de articulación cultural”. 

O director do festival, Antón Lopo, recoñeceuse emocionado polo desenvolvemento desta edición que será a súa derradeira á fronte do Respira!. Puxo en valor un festival que conseguiu chegar a través da palabra a máis de 10.000 espectadoras e espectadores e salientou que o encontro é o resultado do trabnallo de numerosas persoas, desde os periodistas que divulgan o festival aos espectadores que enchen a sala, pero en especial do equipo que o sostén, formado por Cecilia Carballido, Manolo Martínez, Baltasar Patiño, Iris Cochón, Anxos Sumai e Marina Rodríguez Fernández. “Levamos nove anos facendo poesía coa respiración, ritmo coa vida, luz coas mans, escrita cos ollos, realidade coa lingua. Somos un corpo que se constrúe na voz, e no seu propio corpo. Un corpo, sobre todo, que ama. Un instante que observa o mundo e que o pensa”, concluíu Lopo a súa intervención.

 

Continuar lendo “Presentado aos medios de comunicación a novena edición do Alguén que respira!”

Apoteose de oralidade para celebrar no Respira! o Día da Poesía

Falta pouco xa para que o Alguén que respira! bote a andar e o equipo que fai posible este festival organizado polo Concello de Santiago, co apoio da Secretaría Xeral da Língua da Xunta, ultima os detalles para que o pano do Teatro Principal se levante. Serán catro días de intenso programa, entre o 18 e o 21 de marzo, con recitais, performances, faladoiros, proxecións, conferencias e postas en escena, un despregamento de propostas que culminará cunha apoteose dedicada especialmente á oralidadeo sábado 21, cando se celebra precisamente o Día das Poesía . No programa desa noite, a partir 20.30 e baixo o título Son nove e non van ser dez, subirán ao escenario algunhas das personalidades máis sobranceiras da intervención poética física, con nomes como Silvia Penas, Estevo Creus, Isaac Xubín, Samuel Merino, Lucía Aldao, Nieves Neira e María Grandío. Con eles, e máis coa poeta andaluza Isabel Martín, o festival fará memoria propia das propostas orais que ao longo das súas nove edicións pasaron polo Teatro Prinicipal. É, sen dúbida, un dos programas estrela do Respira! e unha oportunidade única para ver reunidas as grandes voces da performance poética galega.

 

Mario Blanco Boullosa gaña o Premio Respira! de Universidade

Mario Elías Blanco Boullosa, un alumno da Universidade de Santiago de Compostela, resultou o gañador da IV edición do Premio do festival Alguén que Respira! de poesía para estudantes universitarios, que este ano tiña como tema A memoria. O seu poema, polo que recibirá 600€, titúlase Onte fomos nenos e xa non e foi elixido por unanimidade no xurado, ao igual que ocorreu co resto dos apartados do galardón. Blanco Boullosa, estudante de 5º de Dobre Grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias da Comunicación. O xurado dos premios estivo formado por Anxos Sumai, Iris Cochón e Soedade Noia. O secretario foi Antón Lopo, director deste festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta.

‘Non me lembro de nada’ de Mencía Rodríguez leva o Respira! de bacharelato

O apartado de Bacharelato e Ciclos formativos de 1º grado do Premio de poesía para estudantes do Festival Alguén que respira! foi para Mencía Rodríguez Lorenzo, alumna de primeiro curso no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. O seu poema, polo que recibirá 400€, titúlase Non me lembro de nada. 

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro venres 20 de marzo ás 20 horas, dentro do programa de tarde do festival, que reúne a corenta creador*s de múltiples disciplinas, aglutinad*s pola poderosa argamasa da poesía. O festival está organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaria Xeral da Língua da Xunta.

Lucía Gaute faise co Respira! para estudantes de ESO

Lucía Gaute Fernández foi o gañadora do Premio de poesía para estudantes do festival Alguén que respira! no apartado de E.S.O. co seu poema A memoria, polo que recibirá 300€. Gaute estuda 3º de ESO no IES San Rosendo de Mondoñedo, aínda que ela reside en Baroncelle, unha parroquia do Concello de Abadín.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro venres 20 de marzo ás 20 horas, dentro do programa de tarde do festival. Corenta creador*s de múltiples disciplinas, aglutinad*s pola poderosa argamasa da poesía, paricipan na novena edición do Alguén que respira!, que comeza o vindeiro mércores 18 de marzo e se prolonga ata o sábado 21 no Teatro Principal de Compostela, organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaria Xeral da Língua da Xunta.

 

Carme Fernández del Castillo, Premio Respira! para estudantes de Primaria

Carme Fernández del Castillo foi a gañadora do apartado de Primaria do Premio de poesía para estudantes do festival Alguén que respira!, que organiza o Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaria Xeral da Língua da Xunta. Fernández del Castillo presentou o seu poema Sitcht, polo que recibirá 200€. É alumna de  1º de Primaria no CEIP Apóstolo Santiago, en Santiago de Compostela.

A entrega dos premios terá lugar o vindeiro venres 20 de marzo ás 20 horas, dentro do programa de tarde do festival e previo ao recital de Nuno Pico, Guadi Galego, Faia e Woyza. O premio inclúe o agasallo a xeito de lembranza dunha peza da artesana galega Sesé Vila. O

Corenta creador*s de múltiples disciplinas, aglutinad*s pola poderosa argamasa da poesía, paricipan na novena edición do Alguén que respira!, que comeza o vindeiro mércores 18 de marzo e se prolonga ata o sábado 21 no Teatro Principal de Compostela.

 

O Respira! celebra os cincuenta anos da publicación de ‘Con pólvora e magnolias’

A novena edición do Alguén que respira! está dedicada á memoria e, nesa dinámica expansiva, o festival dedicará un espazo especial no seu programa para celebrar os 50 anos da publicación de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, un libro fundamental na historia da literatura galega das últimas décadas, editado por Rompente. A celebración terá lugar o xoves 19 de marzo, a partir das 20.30, no programa Poesía para corpo principal. Nel, os poetas participantes, Xabier Cordal, Pol Guasch, Ana Rosetti, Raquel Patriarca e Miren Agur Meabe recitarán senllos poemas do libro que consagrou a Ferrín en 1976, cando botaba a andar a democracia na península ibérica.


 

Corenta creador*s que chegan aglutinad*s pola poderosa argamasa da poesía

Corenta creador*s de múltiples disciplinas, aglutinad*s pola poderosa argamasa da poesía, paricipan na novena edición do Alguén que respira!, que comeza o vindeiro mércores 18 de marzo no Teatro Principal de Compostela. Poetas, cineastas, científicos, novelistas, divulgadores, artistas, músicos e activistas reúnense durante catro días –ata o sábado 21 de marzo– para celebrar a poesía como motor de pensamento e de sociedade. O programa divídese, a liñas xerais, en recitais que se celebran diariamente nas distintas dependencias do teatro e faladoiros matutinos sobre as vertentes da memoria, tema central da edición.


 

“Agora pecha os ollos e respira”, o lema co que Olga Novo lanza o manifesto do festival

“Agora pecha os ollos e respira. Só somos iso. Alguén que respira. Algo que vive, e polo tanto, que ama, que soña e que recorda”. Así comeza o Manifesto do Día Mundial da Poesía que escribiu para o Alguén que respira! Olga Novo. O manifesto esta dispoñible desde hoxe na web do festival –www.alguenquerespira.gal– e será a propia Olga Novo quen o lea o vindeiro 18 de marzo –a partir das sete da tarde– no balcón do Teatro Principal de Compostela . Con el botarán a andar os recitais do Respira!, un encontro organizado polo Concello de Santiago que conta, ademais, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, da Xunta de Galicia. Serán catro días de intenso programa –do 18 ao 21 de marzo– nos que Compostela se converterá na capital da poesía en Galicia, con faladoiros, proxeccións, conferencias, concertos e recitais. O eixe temático desta novena edición será a Memoria e facendo memoria, precisamente, despídese da direción do festival o seu creador,  Antón Lópo, que levou a rédeas do programa durante case unha década acompañado dun equipo formado por Cecilia Carballido na produción, Manolo Martínez no deseño gráfico, Baltasar Patiño na escenografía e iluminación, ademais de  Iris Cochón e Anxos Sumai como responsables da coordinación linguïstica.


 

Germán Sierra e a fascinante aventura da escrita desde a neurociencia

Considerado un dos escritores de vangarda na literatura en español e consagrado por miles de lectores nas súas traducións ao inglés, o neurocientífico Germán Sierra (profesor na Universidade de Santiago de Compostela) chega ao Alguén que respira! para compartir un café no que falará dese ámbito tan suxerente que comparten a Escrita, a memoria e a neurociencia.


 

A regueifa de Manolo Maseda e Lupe Blanco abre os recitais do Respira!

O Alguén que respira! comezou a sua primeira edición coa regueifa de Lupe Blanco e Manolo Maseda, que abrían a cerna da poesía popular nun festival con vocación de esculcar as formas trasversais do poema. Nove anos despois, os dous volven para dar pé ao recital inaugural do Respira! e farano, ademais, conducindo aos asistentes desde a lectura que fará Olga Novo do Manifesto do Día da Poesía (no balcón da Rúa do Vilar) ata o interior do teatro. Será unha nova explosión do humor, enxeño e habelencia que caracteriza o traballo destas figuras maiores da  improvisación poética en Galicia,


 

Carlos Spuch condúcenos polo labirinto do Alzheimer, a memoria e a literatura

O Alguén que respira! ten como tema central desta edición a MEMORIA e para abrir o programa nada mellor que adentranos no estado onde a memoria se transforma radicalmente ata o esquecemento: o alzheimer. O ambigú acolle un café onde estarán Isabel Gey, a presidenta de AGADEA ( a Asociación Galega de Enfermos de Alzheimer) xunto a Carlos Spuch, unha figura clave na difusión dunha cuestión que se converteu en protagonista da sociedade actual. O título non pode ser máis suxerente: Alzheimer, memoria e literatura.


 

Unha oportunidade única para coñecer ao Nuno Pico máis xenuíno

Nuno Pico, un dos creadores que converteron a música actual galega nunha experiencia de intensa poesía urbana, acodirá o venres día 20 de marzo ao Alguén que respira! no programa Poesía para música Principal, onde comparte cartel con Faia, Guadi Galego e Woyza. A súa presenza no festival chega nun momento moi especial da súa traxectoria, cando o seu Grande Amore está a ser unha referencia musical unánime e cando acaba de presentar o seu novo proxecto Portosanto, que nace sobre as cinsas do seu grupo Oh Ayatollah! O festival será unha oportunidade única para coñecer unha faciana ata agora inédita: Nuno Pico en exposición xenuína.