O festival Alguén que respira! mantera desde mañá na súa web, www.alguenquerespira.gal, unha serie de audios coa voz das e dos poetas que estaban no programa do festival, aprazado a pasada semana de acordo coas medidas decretadas pola Xunta para evitar a expansión do coronavirus. O festival, unha referencia na axenda dos encontros poéticos peninsulares, ía celebrarse do 18 ao 21 de marzo, que é cando se celebra o Día Mundial da Poesía. Agora, nesas mesmas datas, a web manterá unha programación permanente baixo o lema “Poesía contra coronavirus”.
A terceira edición do Alguén que respira! ía celebrarse no Teatro Principal de Compostela, entre outros espazos, do 18 ou 21 de marzo, organizado polo Concello de Compostela coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A pasada semana, de acordo coas medidas decretadas polo goberno dentro da estratexia preventiva contra a expansión do coronavirus, o festival aprazous. O programa, segundo acordaron os organizadores co equipo de dirección artística, manterase integramente de cara á súa organización nos próximos meses.
Agora, diante da situación insólita que vive a sociedade, decidimos impulsar unha liña de acción que, dalgún xeito, manteña vívida a enerxía da poesía cun programa virtual na web do festival, www.alguenquerespira.gal, Deste xeito, coincidindo coas datas previstas do festival, a web ofrecerá unha serie de audios coa lectura de poemas por parte das persoas presentes no programa. Nel figuran, entre outras, Mercedes Peón, Manolo Rivas, Antonio Barahona, Pablo Fidalgo, Chus Pato, Celso Fernández Sanmartín, Lupita Hard, Lara López, Pau Vadell, Beatriz Chivite ou Miguel Azguime.
O equipo artístico e técnico do Respira!, así como os seus organizadores, confían que esta crise sanitaria sexa atallada da maneira rápida e lamentan a dramática situación de angustia que viven os miles de afectados e a sociedade en xeral. O coronavirus supón, como xa podemos comprobar estes días, unha ameaza para a vida pero tamén un risco para a convivencia e os valores culturais.