A regueifa de Lupe Blanco, Xurxo Souto, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira converteron as rúas de Compostela no escenario da máis xenuína arte poética da cultura popular galega, programada polo festival Alguén que respira!. Foi unha hora durante a que o enxeño, a habelencia, a retranca, a incisiva ollada política e o humor serviron de complicidade entre os regueifeiros e os paseantes que atoparon en prazas como Praterías ou o Toural un espectáculo inesperado. A regueifa é unha das pezas xa clásicas no festival, que aposta tanto polas formas vangardistas da poesía como polas tradicionais. As próximas xornadas do Respira! terán lugar o 21 de setembro e o 21 de dezembro. Para non perdelo!