Aroa Misa, Claudia Romero e Serxio Abalo gañan o Premio respira! de poesía

O CPI Cova Terreña de Baiona parece ter descuberto o segredo de incentivar a poesía no alumnado e, por segundo ano consecutivo, gañou o Premio Respira! de poesía para estudantes no apartado de Primaria. Deste xeito, a alumna Aroa Misa García, que cursa quinto, logrou o recoñecemento do xurado polo seu poema Si e non. O tema central desta convocatoria era A guerra fronte á construción da paz. O xurado estivo composto por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia. Antón Lopo, director do festival, foi o secretario.

O texto aparecerá publicado no libro do festival, que se entregará aos asistentes dos distintos recitais do seu programa entre o 21 e o 23 de marzo. A propia Aroa Misa, ao igual que o restro dos gañadores, lerán os poemas na sesión do sabado 23, que se celebrará na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. O festival está organizado polo Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Mentres o xurado salientou a calidade e elevada participación en Primaria, tamén subliñou que no apartado de bacharelato e ciclos formativos de 1º grado o resultado foi menos esperanzador, polo que decididron declaralo deserto. Con esta decisión queren tamén chamar a atención do bache que se produce na participación entre os primeiros anos do ensino e a universidade.

Precisamente, no apartado universitario e ciclos formativos de 2º grao, o gañador foi o poeta Serxio Abalo co texto Uxío. Abalo, que aínda non publicou un libro individual, si participou en distintos proxectos colectivos e o seu nome pertence ao grupo das voces emerxentes actuais.

Por último, no apartado de ESO, Claudia Romero Dorna alzouse co premio grazas ao poema Danza dos corpos inertes. Romero Dorna é unha alumna de 4º de ESO que estuda no IES Francisco Aguiar de Miño.

Cada unha das categorías conta coa súa correspondente dotación económica, o cal converte este galardón no máis importante do nivel estudiantil que existe en Galicia. En Primaria o premio é de 200 €, en ESO de 300 €, en Bacharelato de 400 € e en Universidade e Ciclos formativos de 2º grado o premio chega aos 600 €.

O festival Alguén que respira! convoca o premio como un apartado específico do seu programa co obxectivo de fomentar a poesía no impulso das ideas e facer do galego un idioma de intercambio cultural.