VI Festival Respira!: Catro días de poesía para construír o futuro

 Amorante

O festival Alguén que respira!, o grande acontemento poético do ano en Galicia, apura os últimos preparativos antes de erguer o pano do Teatro Principal de Compostela, sede central dun encontro que se inaugura o sábado 18 de marzo ás 20 horas e que se prolonga ata o martes 21, Día Mundial da Poesía. Dous días antes, o xoves 16, o programa será presentado nunha roda de prensa pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón –que organiza o encontro– e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, que apoia o festival desde a súa primeira edición. Canda eles, estará o director do respira!, Antón Lopo. Toda a información e os detalles do programa están dispoñibles na web alguenquerespira.gal.

 Jansky

As entradas para o festival saen o mércores día 15 de marzo na web compostelacultura.gal e tamén se poderán retirar desde ese mesmo dia no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Por último, o despacho de billetes do Teatro Principal estará aberto desde unha hora antes do comezo dos recitais (teléfono 981 571 026).

 María Grandío

O tema central da edición é a ecoposía como ferramenta para loitar contra o cambio climático e nesa aposta, inclúese a publicación dun volume con 22 ecopoemas realizados expresamente para o encontro. Nel aparecerán, así mesmo, os catro poemas gañadores do I Certame de Poesía Respira! para estudantes.

O programa resulta tan irresistible pola diversidade (e calidade) das propostas como polos contidos, coa poesía como elemento aglutinante e reflexivo. Nel figuran Amorante, Jorge Riechmann, María Grandío, Rosa Berbel, Jansky, Keith Payne, Ismael Ramos, Miro Villar, Antonio Orihuela, Margarita Ledo Andión, Versofonía, Tino de Féliz, Joseba Sarrionandía, Isaac Xubín, Ruper Ordorika, Helena Villar, Claudio Rodríguez Fer,  Antía Otero, Xabier Cordal, Arancha Nogueira, Olalla Cociña, Manuel Rivas, Iago González, Ramón Blanco+Pablo Sax, Rebeca Baceiredo, Rafael Rodriguz Baixeras, Tamara Andrés, Carlos Solla, Genaro da Silva ou Clo Plas.