“Je vous salue, Fran Cortegoso”, unha homenaxe do festival e de Pablo Fidalgo ao fascinante poeta de “Suicidas”

Alguén que respira!, o festival de Poesía para Corpo Principal que se celebra en Compostela entre os días 18 e 21 de marzo, realizará este ano unha homenaxe especial ao xa lendario poeta Francisco Cortegoso, falecido no 2016, cunha peza realizada especialmente para a ocasión por Pablo Fidalgo. O festival, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Santiago coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, preparou un amplo programa no que figura esta singular proposta, prevista para o luna 21 de marzo a partir das seis da tarde.

Francisco Cortegoso (Bora, Pontevedra, 1985-2016) é un dos nomes clave da poesía galega finisecular, á que lle achegou unha linguaxe de gran personalidade nos dous libros que publicou en vida, Memorial e danza (2014) e Sucididas, o seu poemario de maior repercusión pública, editado só uns días antes do seu falecemento tras padecer un cancro. Agora, cando Cortegoso cumpriría os 35 anos, o Respira! volve a súa mirada cara el nun proxecto ambicioso, encargado a Pablo Fidalgo, que titulou a súa proposta Je vous salue, Fran Cortegoso. Despois de enfrontarse á pegada do poeta portugués Daniel Faria, Fidalgo adopta como un reto na súa curiosidade de creador interdisciplinar, sen casa e nómade, a figura do poeta de Bora. No seu caderno de traballo, Fidalgo escribe «Encárganme un traballo sobre Fran. Coñecen o meu proxecto sobre Faria e por iso me chaman. Falta un mes para a presentación e todo o que puiden facer son notas. notas, cartas, fragmentos, relecturas de Fran Cortegoso, conversas sobre el. vexo os vídeos que existen, falo no posible con algúns dos seus coñecidos. ás veces penso que debería falar con todos, ás veces con ningún. Podo temer, claro, que me vexan como un intruso na súa vida, pero non vou facer unha biografía nin un documental sobre el. despois de todo, imaxino que recibín este encargo precisamente porque nunca coñecín a Fran e por tanto non vou facerlle unha homenaxe. Partindo da relectura do seu libro suicidas, vou só intentar rastrexar o esgazamento dunha vida única».


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará