Rompente estrea o seu espectáculo ‘Que hostia din os rumorosos?’

Que hostia din os rumorosos? é o título do espectáculo que Rompente, un dos colectivos poéticos máis importantes da historia da literatura galega, estrea no Alguén que respira! despois do seu regreso á escena o pasado ano. O festival, celébrase en Santiago entre os días 19 e 21 de setembro, co Teatro Principal da cidade como escenario e reúne a más de corenta artistas de distintas disciplinas en alianza creativa coa poesía.

Que hostia din os rumorosos?, que se presenta o día 21 de marzo no Principal a partir das nove da noite, é un recital de textos, algúns inéditos, outros xa históricos, deste colectivo que marcou de xeito indeleble a historia da poesía galega. Son tres tipos, tres micrófonos, tres atrís dos que usan os músicos clásicos, un pouco de luz e un repaso do seu karma lírico durante 45-50 minutos. Entre 1976 e 1983, Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño mantiveron viva unha actitude literaria rompedora en Galicia que comezou chamándose grupo de Resistencia Poética e desembocou no que marcaría as súas vidas: o grupo de Comunicación Poética Rompente. Publicaban poemas con aquela técnica de impresión coñecida como «vietnamita», e as multicopias con clixés. Rompente pertence daquela á prehistoria da nosa modernidade poética. Empezaron tan novos que só os doutores en literatura galega saben da súa primeira xuntanza poética. Eran, en doses inexactas, un chisco beat e un chisco guerrilleiros. Avendaño, Reixa e Romón autoeditáronse e unidos fundaron Rompente Edicións. Facían performances e estaban obsesionados coa linguaxe multimedia, aínda que esas palabras entón aínda non se usaban. Hoxe, uns corenta anos despois, teiman na poesía e volven dirixirse a palabra aínda que seguen falando sós.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *