A previa do día 13: cando Alejandro Palomas fala de pé e a corazón aberto

Alguén que respira!, o festival de poesía de Compostela, comeza o día 18 de marzo a súa quinta edición e para celebralo ensaiamos unha nova experiencia: artellar unha previa. Será no Teatro Principal, o domingo día 13, a partir das oito da tarde, cun programa extraordinario por múltiples razóns: Alejandro Palomas presenta a súa proposta La vida y una flor. Non é un espectáculo e tampouco un recital poético. É unha mestura de ambos nunha hora de intimidade cun escritor que percorre a alma humana desde a comuñón coa voz. Palomas trenza pezas e versos do seu último poemario –Una flor– con momentos claros e dolorosos da vida propia. É o tráxico e o cómico, o riso e mais o pranto. E é, sobre todo, o pracer de compartir unha hora de emoción e honestidade con quen chega ao fondo do humano desde a súa propia pequenez.

Un día despois, o luns día 14 ás once e media da mañá, o Respira! preséntase aos medios no Concello de Compostela coa presencia da concelleira de Cultura da cidade, Mercedes Rosón, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, representantes das dúas institucións que sosteñen o festival. Canda eles estará o director da programación, Antón Lopo.

O eixo vertebradordesta quinta edición é Corpos, disidencias, desexo, lema que reunirá no Teatro Principal da boa parte das persoas que de maneira máis activa esculcaron na cuestión identitaria ao longo das últimas décadas. Sen dúbida, é unha oportunidade unica de ver sobre un mesmo escenario personalidades tan singulares na poesía contemporánea como Elizabeth Duval, Teresa Moure, Luís Antonio de Villena, Ana Romaní, Carlos Callón, Luís Muñoz, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes, Daniel Asorey, Andrea Nunes ou Blanca Haddad, ademais de músicos cunha traxectoria tan poderosa como Rodrigo Cuevas ou Projecto Mourente. O encargado de realizar o manifesto deste ano foi o poeta Antón Reixa, mentres que a escritora Nee Barros será a encargada de presentar o programa

En paralelo aos recitais, o Respira! bota de novo man dos cafés-conversa, que se desenvolverán polas mañás no ambigú do Teatro Principal como foros de reflexión. Neles, participan Alberto Mira, Paulo Filgueiras, Brigitte Vasallo e Elizabeth Duval, presentados por distintos profesionais da comunicación galega como Carme Vidal ou Sara Guerrero.

A previa con Alejandro Palomas

Nun momento en que se converteu na cara visible das reivindicacións de xustiza para os casos de pederestia que se rexistraron ao longo das décadas nos colexios relixiosos, Alejandro Palomas chega a Compostela para ofrecer unha das vertente máis emocionantes do seu traballo creativo, a proposta La vida y una flor. É a segunda vez que Palomas se presenta no festival pero a ocasión era propicia para coñecer a súa nova entrega.

A sinxeleza e a rotundidade esa música que tod*s entendemos sérvelle de base á súa intervención: Un home de pé fala a corazón aberto desas cousas que unen, do que recoñecemos no outro cando nos permitimos velo. Un poeta ofrece lírica e épica sen ornamentos: a un poema recitado síguelle a confesión dunha pincelada de infancia, lembranzas de familia, aquilo que fai poeta ao poeta e cmo chega a palabra escrita ao papel. Palomas conta o íntimo como se o público fose unha alma soa, una alma de amigo. E o público conecta co que lle contan porque, de súpeto,  é máis amigo que público: é familia. 

Una vida y una flor é exactamente unha conexión, a vida dun poeta compartida nun mesmo espazo con quen cre aínda que estamos xuntos nisto e que ea verdade e a poesía son, infaliblemente, un refuxio común.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará