Luz inextinguible

Luz Pozo Garza, a poeta que este ano escribiu o Manifesto do Día Mundial da Poesía para o festival Alguén que respira!, faleceu onte luns na Coruña, a cidade na que residía desde finais dos anos oitenta. A morte, porén, non apagará a luz inextinguible da súa poesía, marcada pola veta da sensualidade e a fisicidade ducha revelación mística. O festival, que organiza o Concello de Compostela coa colaboración da Xunta de Galicia, renderalle unha homenaxe especial cando se celebre a súa terceira edición, prevista para o pasado marzo e aprazada pola crise sanitaria do coronavirus.

A poeta, nacida en Ribadeo no ano 1922, percorre case un século de poesía galega, deixando nela a pegada dunha muller que esculca os símbolos ocultos da palabra e da sensualidade. Por momentos, incluso lúe a expresión mística para extraerlle ao poema esa esencia luminosa de quen camiña con firmeza na escuridade do mundo. Poeta en galego desde 1952, cando publica O paxaro na boca, os seus libros desenvolven en paralelo á súa exeperiencia vital a intensidade das súas inquedanzas, en especial a da busca da liberdade e mais do sublime. Luz deu títulos clave da lírica galega contemporánea, como As todas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009) ou máis recentemente Rosa tántrica (2016).

A Real Academia Galega (RAG), da que Pozo Garza era numeraria desde 1996, expresou nun comunicado o seu “fondo pesar” polo falecemento e salienta a súa traxectoria “renovadora, tanto na forma como na temática abordada. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir.

Na web da RAG [academia.gal] inclúese un completo percorrido pola biografía dunha poeta que rompeu os moldes da poesía amorosa pero tamén da propia lóxica física, xa que aínda o pasado ano puboicou un libro de vizosa cerca, Pazo de Tor.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará