Un século de poesía galega e dez poetas que cruzan o século desde o fío da II República. Ese é o escenario de O ruído do lume, acción poética que o martes día 21 se celebra no Teatro Principal de Compostela dentro do programa do festival Alguén que respira! para setembro. A acción propón descubrir a poesía galega recente a través dalgunhas voces que, precisamente, a converteron nun fenómeno internacional. Poucas oportunidades hai na vida de sentir nun mesmo espazo a Alba Cid, Andrea Nunes, Miriam Ferradáns, Yolanda Castaño, Elvira Ribeiro Tobío, Eva Veiga, Olga Novo, Chus Pato, Luz Pichel e Luz Fandiño. Ademais delas, estará a voz da poeta Ana Romaní, que fará a introdución do acto. O programa preséntase este luns, 20 de setembro, nunha roda de prensa na Casa do Concello de Santiago ás 10.30 horas. No acto participan a concelleira de Acción Cultural. Mercedes Rosón, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do festival, Antón Lopo.
Para esta terceira entrega do respira!, organizáronse dúas xornadas, os días 21 e 22, con dúas accións poética de estéticas moi marcadas. O ruído do lume [A palabra en combustión de dez poetas galegas] é o título do recital que acollerá o Teatro Principal o día 21 a partir das 19,30. Sobre o escenario, algunhas da voces que protagonizaron os procesos internos de axitación política e cultural . Pero tamén a progresiva internacionalización da nosa poesía. Unhas naceron na II República e outras co primeiro triunfo electoral de Manuel Fraga Iribarne. Unhas loitaron na clandestinidade, outras combateron a ditadura ou concorriron en listas electorais independentistas. Foron de raíz anarquistas, do combate identitario, de esculca performática e, mesmo, manteñen o finísimo fío sanguíneo con Rosalía de Castro. Pero todas, absolutamente todas, respiran.
As entradas para asistir están dispoñibles só o mesmo día do recital. Non hai posibilidade de reservas previas. Poderán retirarse as entradas na Sala C da Praza de Cervantes, na web compostelacultura.gal ou na billtería do propio Teatro Principal desde as 18,30.
Atravesei a cerca
O día 22 de setembro, mércores, terá lugar a segunda xornada do programa de setembro, co título Atravesei a cerca. Habitualmente, esta sección esculcaba os espazos ocultos do Teatro Principal, sede do festival. Pero nesta ocasión, decidimos saír do edificio e difundir recantos pouco coñecidos da cidade. O percorrido comezará no xardín do restaurante A Maceta, ás 19.30 cos versos de Séchu Sende. Prosigue na terraza do centro sociocultural da Trisca co performer e activista aragonés Javier Peñafiel. E conclúe, ás 20.30 horas, co recital da poeta navarra Castillo Suárez no museo de Berto Leis da rúa Pablo Leis, unha escondida calella que parte da Costa do Vedor. As 25 prazas de aforo para asistir a Atravesei a cerca distribuiranse por orde de chegada ao xardín da Maceta ás 19.30.
Nesta cuarta edición, Alguén que respira! celébrase ao longo do ano en catro programas, coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccións. O pasado 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– inaugurouse co recital + ou – 21 [anos], en referencia á idade media dos poetas que integran o programa. Contou coas voces de Iago González, Belén Senín, Maria Bras, Martin Bidaur, María Isern e Mario Obrero. En xuño, foi a quenda do performer portugués Miguel Azguime e dos regueifeiros Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto.
O festival é unha iniciativa do Concello de Santiago co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Ademais de Antón Lopo na dirección, o equipo de organziación do festival conta con Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón e Luisa Iglesias en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.