‘Con’ en concerto, o esplendor de Miriam Reyes en alianza coa música

Miriam Reyes, a autora de Sardiña, o libro que a devolveu á literatura galega, chega ao festival Alguén que respira! cunha das súas intervencións máis impresionantes da súa xa longa traxectoria: ‘Con’ en concerto. Neste espectáculo, que se porá en escena o sábado 22 a partir das 20,30 dentro da sección Poesía sen etiquetas, a poeta estará acompañada por El Pricto, a soprano Ilona Schneider e o percusionista Vasco Trilla. O Respira! comezará o xoves 20 de marzo con programa de luxo onde semesturanm os recitais dalgúns dos grandes nomes da poesía actual con propostas lúdicas, cafés de reflexión ou sesións temáticas arredor do tema central do encontro poesía / vida.

Con, que é o título do último poemario de Miriam Reyes, é unha proposta na que se pensa a complexidade das relacións emocionais e o seu impacto na nosa identidade. Motivada polo afán de multiplicar o terreo do posible, a poeta colabora con tres dos máis recoñecidos músicos de improvisación libre do underground barcelonés para achegar as súas linguas ao escenario. A peza musical que presentarán en Alguén que respira! toma elementos da composición homónima de El Pricto e reformula nesta nova creación.

A sección Poesía sen etiquetas porá peche o día 22 ao festival, organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dun recital de vocación híbrida, onde a poesía e o resto das artes se alían para diluír fronteiras entre o popular e o culto, entre o poema e a fala, entre a performance e a música. O obxectivo é apostar pola experimentación dos sentidos. Pensar, gozar e divertirse.