Presentado aos medios de comunicación o programa para os tres días do festival

Alguien que respira! presentouse este xoves día 17 na Casa do Concello de Santiago de Compostela, institución que promove e organiza o festival. O acto contou coa participación da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director do festival, Antón Lopo, que coordina un equipo formado por Manuel Martínez no deseño, Baltasar Patiño na iluminación, Cecilia Carballido na produción, Iris Cochón na coordinación literaria e Alexandre Fernández Peón en comunicación. A información sobre a presentación aparece na web do concello, www.santiagodecompostela.gal, e tamén a poderes ver a través de youtube.

As regueifas de Lupe Blanco ,Josiño da Teixeira, Olalla da Prica, e Manolo de Burela levantarán o sábado pola mañá o pano dun festival adaptado as continxencias da pandemia da covid-19, con aforo limitado, regulamento dos tránsitos e tempos de desinfección entre as distintas actividades, de acordo co plan de emerxencia disposto para o Principal polo Concello de Santiago.

Desde o pasado mercores pódense reservas as entradas para os recitais, de carácter gratuíto. Serán oito os programas nos que se articulan as entradas, cada un con vari*s poetas e percorridos. O programa completo podédelo ver nea web www.alguenrespira.gal e tamén descargalo. Encontraredes, ademais, nesa páxina información sobre cada participante, cunha completa ficha biográfica e traxectoria crativa.

Ademais da homenaxe a Luz Pozo Garza e da regueifa matutina, o día 19 celebrarase o recital poético de apertura, coa participación de Beatriz Chvite, Lupe Gómez, Renato Filipe Cardoso, Manuel Rivas, Blanca Llum e Ada Salas. Logo, ás 18,30 horas, haberá unha performance titulada Cospus literarios, na que participan Charo Lopes, Lupita Hard, Paulinha, Nébeda Piñeiro, Xosé Antonio Liste e Millán Fernández.

A terceira edición do Alguén que respira! chega carregada de acontecementos, pero tamén de retos e compromisos. Durante tres días e cun programa de recitais excepcionais, o festival busca o máis difícil: romper as barreiras entre público e poetas nunha época de distancias físicas. Fronte aos límites impostos nas relacións sociais pola emerxencia sanitaria, o festival pretende converter a poesía nun instrumento de aproximación comunitario.

O lema desta nova edición, Vós escribides o poema, amosa xa ata que punto o respira! asume e valora a necesidade de afianzar o compromiso do público coa cultura. A responsabilidade é grande para a organización e baixo este principio articulouse o respira! coas máis estritas medidas de seguridade. O obxectivo é que o festival e o propio Teatro Principal sexan un expositor de como desenvolver programas culturais cos parámetros de seguridade máis esixentes. Tan importante é garantir a protección de participantes e público como visibilizar os encontros culturais nun momento tan sombrío para a cultura como o actual.