Un adianto no libro do festival da poesía que está a escribir Olga Novo

Como en cada edición, o festival Alguén que respira! publicará un libro coas biografías e poemas das persoas convidadas, deseñado como é habitual por Manuel Martínez. Este ano, unha das maiores achegas faina Olga Novo, que introduziu no libro un dos seus máis recentes poemas, inédito e vibrante como o é boa parte da sua obra. O texto serve de adianto á que será a nova obra da poeta. Olga Novo (Vilarmao, Pobra do Brollón, 1975) é unha presenza de grande impacto na poesía e no imaxinario literario galego. Filla de labregos, poeta, ensaísta, tradutora e crítica literaria, exerce a docencia no ensino secundario. O vitalismo, a utopía, a liberación feminista, o revolucionario poder cognoscitivo da poesía, o seu carácter visionario e radical, a autenticidade da escritura, a memoria rural e a pulsión telúrica son temas queridos á autora, tanto na súa poesía coma no ensaio. Publicou como poeta A teta sobre o sol (1996), Nós nus (premio losada diéguez, 1997), A cousa ver- mella (2004), Cráter (Premio da Crítica española, 2011) e Feliz Idade (Premio da Crítica galega, da Crítica española e Nacional de poesía). Traducida a diversas linguas, en castelán viron a luz a antoloxía persoal Los líquidos íntimos (2012) e Felizidad (2020).