Un esbruízo de poemas inéditos para o recital dos Neos o día 21 de marzo

 

 

 

 

O Alguén que respira! está este ano dedicado a tomar perspectivas sobre o horizontes da poesía e da vida. Para facelo, un dos recitais máis singulares é o que ofrecerá a posibilidade de revisar a traxectoria dalgúns dos máis singulares representantes dos Neos, a xeración que se acuñou hai precisamente dez anos e que deu algúns dos mellores froitos da poesía galega actual. Catro desas personalidades –Berta Dávila, Lara Dopazo, Gonzalo Hermo e Ismael Ramos– lerán os seus poemas o día 21 a partir das oito da tarde no Teatro Principal pero previamente –pola mañá, ás doce do mediodía no ambigú do teatro– celebrarán un faladoiro con María Xesús Nogueira, que hai unha década os antologou no volume A poesía galega próxima.

No recital non faltarán novidades xa que Berta Dávila dará a coñecer os seus últimos poemas, xénero no que non se adentraba des que publicada O derradeiro libro de Emma Olsen, en 2013. Será, portanto, unha oportunidade moi especial para percorrer os vieiros literarios e vitais dunha muller que non publicou ningún poemario desde entón.

O caso de Dávila non será o único, xa que tamén Gonzalo Hermo desvelará algúns dos textos de Un xesto de tenrura, libro que lle valeu a útima edición do Premio González Garcés e que permanece inédito.

No caso de Lara Dopazo, todos os poemas que lea na tarde do día 21 serán inéditos, un deles cunha duración de once minutos que pertence á produción máis recente da autora de Os lobos na casa de Esaú.


 

Xa están dispoñibles as entradas para o Alguén que respira!: todas son gratuítas

Desde este sábado 15 de marzo, están xa dispoñibles as entradas para asistir aos distintos recitais do festival Alguén que resdpira!. Todas as entradas son de balde. Pódense conseguir na web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462) ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes do seu comezo. O terléfono do Principal é 981 542 349.


 

O premio do festival Alguén que respira! descubre catro novos poetas

A terceira edición do Premio de Poesía Respira! para estudantes descubre catro novos poetas: Iris Abril, Ainara Fernández, Vítor Augusto Ramos Pinto e Santiago Ferreiroa. Os catro impuxéronse nas súas respectivas seccións –Universidade, Bacharelato, ESO e Primaria– nunha convocatoria á que se presentaron máis de sesenta traballos. Os seus poemas aparecerán no libro do Respira! que se lles entrega –entre o 20 e o 22 de marzo– aos asistentes aos recitais do Teatro Principal e tamén se poderán escoitar nas súas propias voces o día 21, cando se lles entregue o galardón.

Despois de tres convocatorias, o Premio do festival Alguén que respira! para estudantes parece consolidado, con máis de sesenta traballos a concurso e unha excelente calidade. Pero como todo no festival, tamén vai cambiando e este ano sorprendeu ao xurado –formado por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia, co director do festival, Antón Lopo, como secretario– coa aparición de textos en ucraíño ou chinés. De feito, o gañador no apartado de ESO foi Vítor Augusto Ramos Pinto, un alumno de 3º no IES Neira Vilas de Oleiros que ten unha orixe brasileira e que presentou, precisamente, o texto A vida no Brasil, escrito en portugués.

 

Iris Abril Teijeira, unha estudante de Grao de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, conseguiu o premio no apartado de universidade e ciclos formativos de segundo grao co poema Natureza morta con vistas á finitude.

 

Ainara Fernández Sueiro logrou o de Premio de Bacharelato –ela estuda 1º no IES Ramón Cabanillas de Cambados– con O moucho da noite perpetua.

 

En Primaria, o gañador resultou Santiago Ferreiroa Pena, alumno de cuarto curso no CEIP Curros Enríquez de Ourense co poema Poesía de sentimentos vivos.

 

No apartado de ESO, Vítor Augusto Ramos Pinto alzouse co galardón por unanimidade do xurado cun poema en portugués titulado A vida no Brasil. Ramos Pinto naceu, precisamente, no Brasil.

Ademais da dotación económica –600€ en universidade, 400€ en bacharelato, 300€ en ESO e 200€ e primaria–, o premio do Alguén que respira! inclúe unha peza de honra que, nesta edición, deseñou a artesá Sesé Vila.


 

Alguén que respira! preséntase aos medios como unha unión entre a poesía e a vida

Primavera e poesía van da man en Santiago. A oitava edición do festival “Alguén que respira!” volverá a converter a capital galega nun polo de atracción poética. Como cada ano, o festival ten detrás un motivo dominante que enfía as súas propostas, que reunirán a máis de coarenta poetas, músicos ou performers, e o nexo nesta ocasión será “poesía / vida”.
     A programación, presentada esta mañá pola concelleira de Capital Cultural de Compostela, Miriam Louzao, institución organizadora da convocatoria, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, que apoia o festival, e o director do encontro, Antón Lopo, abranguerá tres xornadas de recitais que se iniciarán o xoves 20 de marzo no Teatro Principal coa lectura do manifesto do Día Mundial da Poesía que adoita inaugurar oficialmente a convocatoria, desta vez a cargo de Xosé María Álvarez Cáccamo, que escolleu para o seu texto o título de “poesía / vida”, e que estará precedida, a mediodía, pola primeira Cita no ambigú (Un café, unha conversa, moitas ideas), un faladoiro que se celebra todas as mañás do festival como “espazo de reflexión e convivencia”.
    O festival chega este ano con novidades. Ademais dos habituais recitais de Poesía para corpo principal e de Atravesei a cerca –no que se percorren os espazos que non adoitan estar accesíbeis ao público do Teatro Principal–, incorpóranse seccións inéditas como O que mutuos somos, na que se xuntarán tres parellas formadas por poetas “para esculcar as formas onde a poesía comparte teito coa vida”. Dese xeito, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Alicia Fernández e Eduard Velasco ou María Sánchez e José González lerán os seus poemas, pero só medio cento de persoas serán os afortunados.
(Artigo de Carmen Villar publicado en Faro de Vigo)

 

Este martes once de marzo preséntase o programa do Alguén que respira!

Este marte 11 de marzo preeséntase no Concello de Santiago, a partir das 12 do mediodía, o programa da oitava edición do festival Alguén que respira!, a cita imprescindible da primavera poética en Galicia. Máis de corenta poetas, músicos ou performers daranse cita no Teatro Principal de Compostela para un programa articulado este ano sobre o eixo Poesía /Vida. A presentación reunirá á concelleira de Capital Cultural de Compostela, Miriam Louzao, institución que organiza o evento, e ao secretario xeral da Lingua, Valentín García, departamento que apoia tamén o festival. Acompañaraos, o director do Respira!, Antón Lopo.

Un día despois (o mércores  12), daranse a coñecer as gañadoras e gañadores do III Premio Respira para estudantes. Por fin, revelarase quen lerá os poemas na xornada central do festival, o día 21, sobre o escenario do Principal. Como lembraredes, son catro categorías: Primaria, ESO, Bacharelato ou ciclos formativos, e Universidade ou ciclos formativos de segundo grao. 

O Alguén que respira! chega este ano cheo de sorpresas. Ademais dos tradicionais recitais de Poesía para corpo principal e de Atravesei a cerca –co que se percorren os espazos secretos do Teatro Principal–, o festival trae seccións inéditas como O que mutuos somos, sen dúbida unha das apostas máis novidosas do programa. En O que mutuos somos reúnense tres parellas formadas por poetas para esculcar as formas onde a poesía comparte teito coa vida. Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, Alicia Fernández e Eduard Velasco ou María Sánchez e José González lerán os seus poemas nun formato limitado a cincuenta persoas, reunidas dentro do escenario do Teatro Principal co telón baixo.

O día 20, xoves, cando se inuagura o Respira!, lerá ás 18,30 horas Xosé María Álvarez Cáccamo o manifesto do Día Mundial da Poesía para dar paso á sección de O que mutuos somos, nese día con Rodríguez Fer e Carmen Blanco. Posteriormente, terá lugar o primeiro recital de Poesía para corpo principal, con Samer Abu Hawwash, Toni Juncosa, Ailbhe ní Ghearbhuigh, Juanpe Sánchez López e Nieves Neira Roca.

O programa, porén, comezará ás doce do mediodía coa sección Cita no ambigú (Un café, unha conversa, moitas ideas), un faladoiro que se celebra todas as mañás do festival como espazo de reflexión e convivencia. O día 20 estarán no ambigú do Teatro Principal Samer Abu Hawwash e Mohamad Bitari. Os dous poetas comparten o feito de teren nacido no exilio –os campos palestinos de Siria– e viviren exiliados –ambos en Barcelona. Admíranse mutuamente e Bitari traduciu a Samer ao catalán. Para o Respira! reflexionan conxuntamente sobre como se vive a escrita poética desde o exilio.


 

‘Con’ en concerto, o esplendor de Miriam Reyes en alianza coa música

Miriam Reyes, a autora de Sardiña, o libro que a devolveu á literatura galega, chega ao festival Alguén que respira! cunha das súas intervencións máis impresionantes da súa xa longa traxectoria: ‘Con’ en concerto. Neste espectáculo, que se porá en escena o sábado 22 a partir das 20,30 dentro da sección Poesía sen etiquetas, a poeta estará acompañada por El Pricto, a soprano Ilona Schneider e o percusionista Vasco Trilla. O Respira! comezará o xoves 20 de marzo con programa de luxo onde semesturanm os recitais dalgúns dos grandes nomes da poesía actual con propostas lúdicas, cafés de reflexión ou sesións temáticas arredor do tema central do encontro poesía / vida.

Con, que é o título do último poemario de Miriam Reyes, é unha proposta na que se pensa a complexidade das relacións emocionais e o seu impacto na nosa identidade. Motivada polo afán de multiplicar o terreo do posible, a poeta colabora con tres dos máis recoñecidos músicos de improvisación libre do underground barcelonés para achegar as súas linguas ao escenario. A peza musical que presentarán en Alguén que respira! toma elementos da composición homónima de El Pricto e reformula nesta nova creación.

A sección Poesía sen etiquetas porá peche o día 22 ao festival, organizado polo Concello de Santiago de Compostela co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dun recital de vocación híbrida, onde a poesía e o resto das artes se alían para diluír fronteiras entre o popular e o culto, entre o poema e a fala, entre a performance e a música. O obxectivo é apostar pola experimentación dos sentidos. Pensar, gozar e divertirse.


 

Ailbhe ní Ghearbhuigh: o respira! acolle a voz máis importante da poesía irlandesa

O recital inaugural do festival Alguén que respira! celébrase o xoves 20 ás 20,30 horas e contará, entre outras figuras, coa irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuigh, unha das poetas máis admiradas da lírica en gaélico . En total son máis de corenta poetas, músicos e performers os que participan no Alguén que respira!, que se desenvolverá no Teatro Principal de Compostela do 20 ao 22 de marzo próximo a súa oitaba edición. Con este festival, organizado polo Concello de Santiago co apoio da Xunta de Galicia, Compostela celebra o Día Mundial da poesía.

Ailbhe Ní Ghearbhuigh (Tralee, Irlanda, 1984) é unha poeta de lingua irlandesa. O seu poema “Filleadh ar an gCathair” foi elixido como poema da Presidencia da UE de Irlanda en 2013 e foi preseleccionado en 2015 para “A Poem for Ireland” de RTE. Coiscéim publicou Péacadh (2008) e Tost agus Allagar (2016). Este último gañou o premio Michael Hartnett en 2019. Gallery Press publicou unha colección bilingüe, The Coast Road, e inclúe traducións ao inglés de trece poetas. Dánta Andrée Chedid, traducións do francés, foi publicada en 2019 por Cois Life como parte da súa serie ‘File ar Fhile’. É a gañadora do premio Lawrence O’Shaughnessy 2020. Un novo libro, Tonn Teaspaigh agus Dánta Eile, foi publicado por Éabhlóid en 2022 e foi galardoada co premio Oireachtas.


 

Poesía, vida e exilio a través de dous poetas palestinos: Sammer e Bitari

O Alguén que respira! comeza o seu programa o día 20 ás 12 do mediodía co primeiro dos faladoiros da sección Cita no ambigú (Un café, unha conversa e moitas ideas). No encontro participarán dous poetas palestinos, Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari  baixo o título Poesía / vida / exilio.

Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari comparten o feito de teren nacido no exilio (os campos palestinos de Siria) e viviren exiliados (ambos en Barcelona). Son poetas, admíranse mutuamente e Bitari traduciu a Sammer ao catalán. Para o Respira! reflexionan conxuntamente sobre como se vive a escrita poética desde o exilio.


 

Xosé María Álvarez Cáccamo escribe o manifesto do Día da Poesía para o festival

Máis de corenta poetas, músicos e performers ocuparán o Teatro Principal de Compostela dentro do festival Alguén que respira!, que se desenvolverá do 20 ao 22 de marzo próximo a súa oitaba edición. Con este festival, organizado polo Concello de Santiago co apoio da Xunta de Galicia, Compostela celebra o Día Mundial da poesía e faino, ademais, cun programa excepcional que o converte nun dos referentes do estado.

O encargado de escrtibir este ano o manifesto galego do Día Mundial foi o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo (na foto), que elixiu como título poesía / vida, lema precisamente, da oitaba edición do festival. “Fronte ao dominio da vulgaridade reaccionaria, o terror de estado, o crime de lesa humanidade, a inxustiza universal e a violencia imperialista, a Poesía ergue unha vontade firme de vida xusta, libre e igualitaria, de intelixencia construtiva e fraternal”, “escribe o poeta nun texto apaixonado e lúcido.

Esta semana coñezaranse os gañadores do Premio respira! 2025 de poesía

O Teatro Principal de Compostela acolle, entre o 20 e o 22 de marzo próximo, a VIII edición do Alguén que respira!, o festival co que Compostela celebra o Día Mundial da Poesía. Organizado polo Concello de Santiago co apoio da Xunta de Galicia, o respira! está articulado este ano baixo o tema poesía / vida. Precisamente, o lema foi o motivo baixo o que se convocou a III edición do Premio Respira! de poesía para estudantes, que cada ano recolle en catro categorías a contribución da rapaza máis nova á creación artística. Esta mesma semana farase público o fallo do xurado, formado por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia, co director do festival, Antón Lopo, como secretario. 

Na convocatoria avalíanse máis de sesenta textos presentados nas catro categorías do concurso: Primaria, ESO, Bacharelato ou ciclos formativos de 1º grado e Universidade ou ciclos formativos de 2º grado. Cada unha das categorías conta coa súa correspondente dotación: 200€ para primaria, 300€ para ESO, 400€ para bacharelato e 600€ para universitarios. Os traballos premiados aparecerán no libro-programa do festival e *s autor*s lerán os seus versos o día 21 de marzo no recital central da xornada.

Todo o equipo do festival está xa quencendo motores para unha edición que nos próximos días irá desvelando algúns dos seus segredos. Ademais de Lopo na dirección, o equipo compóñeno Cecilia Carballido na produción, Manuel Martínez na imaxe gráfica e Baltasar Patiño na escenografría. O obxectivo é conseguir que Compostela se converta, unha vez máis, na capital en Galicia da poesía.


 

Poesía/Vida: eixo da terceira edición do Premio Respira!

Co obxectivo de fomentar a poesía no impulso das ideas e facer do galego un idioma de intercambio cultural, o Festival Alguén de respira! , organizado polo Concello de Santiago de Compostela, convoca a segunda edición do Premio Respira! de poesía, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª.– Poderanse presentar ao premio Respira! aqueles textos de carácter poético escritos nas diferentes linguas do alumnado galego.

2ª.- O tema desta edición do certame será Poesía / vida.

3ª.- Cada participante poderá enviar un poema, inédito e orixinal, cunha extensión mínima de 14 versos e un máximo de 55, presentado baixo lema.

4ª.- Os poemas que non estean en galego terán que vir acompañados da súa correspondente tradución galega e os escritos en alfabetos distintos ao latino (chinés, árabe, cirílico, etc) deberán ter ademais a súa transcrición literal en caracteres latinos de xeito que facilite a evaluación do xurado.

5ª.- O prazo para a presentación dos traballos comezará o martes 14 de xaneiro de 2025, e estenderase ata o venres 14 de febreiro de 2025.

5ª.- Os traballos poderanse remitir por correo electrónico ao endrezo premiorespira@gmail.com ou por correo postal dirixido ao “II Premio Respira! de poesía” / Teatro Principal de Santiago / Rúa Nova, 21 / 15705 Santiago de Compostela. Cada correo electrónico deberá constar de dous adxuntos: un co poema a concurso baixo o lema elixido e outro cos datos de cada participante co mesmo lema. A organización garantiza que o xurado só recibirá o adxunto do texto a concurso. Nos envíos por correo ordinario incluiranse dous sobres: un co poema a concurso e outro cos datos persoais (nome completo, curso que sigue, centro no que cursa, endrezo, teléfono, correo electrónico e copia do DNI).

5ª.- Protección de datos: Os datos persoais serán recolleitos e tratados pola organización do festival coa finalidade de facilitar a xestión e participación nos premios que promove o referido festival. Os datos non poderán ser cedidos a terceiros salvo nos supostos previstos no artigo 11 da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de carácter Persoal. O órgano responsable do tratamento é o Concello de Santiago ante o que a persoa interesada poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, todo o cal se informa en cumprimento do artigo 5 de referida Lei Orgánica 15/1999.

6ª.- @s participantes dividiranse en catro categorías:

  1. Educación Primaria.
  2. E.S.O.
  3. Bacharelato e Ciclos formativos de 1º grado.
  4. Universidade e Ciclos formativos de 2º grado.

7ª.- Cada unha das categorías contará coa súa correspondente dotación:

a) Educación Primaria: un premio de 200 €

b) E.S.O.: un premio de 300 €

c) Bacharelato e Ciclos formativos de 1º grado: un premio de 400 €

d) Universidade e Ciclos formativos de 2º grado: un premio de 600 €

9ª.- O Xurado estará composto por tres membros escollidos polo festival respira!. O fallo do Xurado será inapelable.

10ª.- A publicación do fallo do xurado realizarase antes de que conclúa febreiro de 2025. A organización contactará cos autores gañadores a través do seu correo, do seu número de teléfono ou do centro no que curse estudos.

11ª.- A entrega de premios terá lugar durante a celebración do festival Alguén que respira!, nun día ainda por concretar entre o 20 e o 22 de marzo, dentro dun evento onde cada gañador deberá ler no Teatro Principal de Santiago o seu poema. No acto, compartirán escenario con outras e outros poetas de traxectoira consolidada para establecer un diálogo interxeracional, principio que está nas bases do certame.

12ª.- Os traballos premiados quedarán en propiedade do festival respira! e serán publicados no seu programa de man.

13ª.- Os participantes serán responsables das reclamacións que se puidesen producir por prexuízos a terceiros.

14ª.- Calquera feito non previsto nestas bases ou dúbida sobre a interpretación das mesmas, será resolvido segundo o criterio do Xurado.

15ª.- A participación na presente convocatoria implica aceptar todas e cada unha das disposicións contidas nas presentes bases.


 

O Respira! réndelle homenaxe a Palestina

O Alguén que respira! réndelle hoxe, no recital que comeza ás oito da tarde no Teatro Principal de Compostela, unha homenaxe a Palestina a través Mohamad Bitari, poeta que naceu nos campos de refuxiados e que percorre, cos seus versos, a traxedia dun pobo asolado pola ocupación de Israel. Pero o recital non estará protagonizado só por esta guerra que leva xa provocado en Gaza máis de trinta mil mortos. Sobre o escenario tamén se escoitarán as voces do Kurdistán con Hekin Sefkan, as do Rif con Karima Ziali ou da República Saharaui con Zahara el-Hasnaui. Canda eles estarán o galego Samuel Merino e a andaluza Isabel Martín. 


 

Alfonso Armada e Carmen Vilar: a sobreinformación ou o reenfoque

Alfonso Armada e Carmen Vilar abriron As mañás do ambigú, o espazo matinal para o diálogo do festival Alguén que respira!. A mañá non puido ser máis apaixoante: mentres Armada desenvolveu os argumentos da encrucillada entre a sobreinformación e necesidade de seguir informando, Carme Vilar adentrouse pola senda de tomar perspectiva para reenfocar a realidade.


 

Mohamad Bitari, a voz nómade de Palestina

O primeiro recital do Alguén que respira! é o comezo dun ciclo que se prolonga durante dous dias e que ten no palestino Mohamad Bitari unha das súas voces más impactantes. A súa voz, que poderá escoitarse no programa do dia 22, afonda no nomadismo tráfico do pobo de Palestina ao tempo que esculca a maior esixencia literaria. Poeta, dramaturgo, editor e periodista, Bitari naceu no campo Alyarmuk de pais palestinos refuxiados en Siria. Exilado político en España desde o ano 2014, traduciu obras de Lorca, Alberti, Miguel Hernández, Martí i Pol ou Maria Mercè Marçal. Como editor independente, coordinou a antoloxía poética Jo soc vosaltres. Sis poetes de Síria, publicada por Godall edicions, Pol·len edicions e So de Pau. Tamén participou na edición do libro Palestina. Arte y resistencia en Nayi Al-Ali, publicado por ediciones del Oriente y del Mediterráneo. Fundou Èter edicions, coa que publicou as traduc- cións ao catalán La tragèdia d’en Saied Mattar, de Majd Kayyal. Como dramaturgo, traballou nos proxectos Habibti Rja’l Al-Tajet, de Greg Kalleres (2012) e El dictador, de issam Mahfouz (2013), ambos proxectos presentados no Babel Teatre de Beirut e dirixidos por Lina Abyad. Participou como cocreador nos espectáculos Sous la plage (2016) con Marc Villanueva e presentado na Sala Beckett, o Festival Grec e o Frankfurter Lab 2016-2017; e na escrita de Síndrome de Gel, xunto con Clàudia Cedó, dirixido por Xicu Masó e presentada en el Teatre Lliure de gràcia (2022).


 

Gustavo Giménez ou o espectáculo cromático da poesía sonora

No recital inaugura do Alguén que respira! atoparemos un dos artistas que con maior engado traballou a poesía sonora, Gustavo Giménez. Estamos ante un poeta e músico experimental que tece universos sonoros onde bulen cancións, historias, paisaxes e poemas. Con frecuencia, arroupa danza, cine, teatro ou exposicións e desenvolve laboratorios de Coro experimental para espíritus Audaces en contextos de cultura comunitaria. Trátase dun artista onde o conflito entre a palabra e o son estoura no cromatismo do poema.


 

María Sevilla, a poesía catalana convertida en instrumento de voz e paixón

O recital do Respira! neste 21 de marzo, Día da Poesía, conta cunha das voces máis persoais da poesía catalana actual, María Sevilla París (Badalona, 1990), poeta e investigadora da literatura, “docente precaria”, como ela se define, e autora de catro libros de poesia, una plaquette e un ensaio. A súa proposta non se cingue unicamente ao texto e vai máis alá: chega ao exercicio sorprendente da voz convertida nun instrumento do poema para arrincarnos partículas de paixón. “A intimidade” escribe nun dos poemas que lerá no Teatro Principal, / “é unha uretra incapaz de reter a bioacústica / impasible da sede.


 

O libro do festival inclúe traducións de linguas como o árabe, o tamazight, o occitano, o catalán ou o kurdo

O libro do festival Alguén que respira!, que se reparte gratuitamente en cada recital, está dispoñible desde este mesmo xoves 21 no programa As mañás do ambigú, a partir das 12,30. Manuel Martínez é o encargado do deseño do volume, do logo e da imaxe en xeral do festival. Este ano, a súa opción foi abandonar os tradicionais pulmóns por un logotipo sincrético pero evocador, co seu colorismo, do estilo de entregas anteriores. No volume non só atoparás a programación ou información sobre participantes senón tamén poemas. Nesta ocasión, o máis salientable é o capítulo de traducións, xa que se reproducen en galego textos escritos orixinariamente en árabe, tamazight, hebreo, armenio, azerí, kurdo, catalán ou occitano. Tamén se inclúen os poemas que gañaron a segunda edición do Premio Respira! para estudantes.


 

O Día Mundial da Poesía rima co do festival Alguén que respira!

II / O poeta e reporteiro Alfonso Armada foi o encargado de escribir o manifesto deste ano, titulado Manifesto fóra de campo ou a guerra é un asasinato

II / O recital inaugural comeza cunha porposta conxunta de María do Cebreiro e Abe Rábade sobre o libro A lentitude

II / A catalana María Sevilla, Gustavo Giménez, Tal Nitzan e André Tecedeiro tamén ofrecerán os seus poemas este 21 de marzo

II / Ao longo de tres xornadas, o festival ofrecerá un programa de alta impacto que se pode consultarse na web alguenquerespira.gal

II / Todas as entradas son gratuítas e poden reservarse na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C

Galicia celebra este xoves 21 de marzo o Día Mundial da Poesía co Alguén que respira!, festival que chega á súa sétima edición no Teatro Principal de Compostela co conflito bélico como eixo temático. Máis de vinte poetas, periodistas, músic*s, performers e especialistas reúnense na cidade durante tres días para ofrecer un programa de alta intensidade onde a palabra, a música e a reflexión abren un espazo propio para construír ámbitos de seguridade fronte ás ameazas.

O escritor e periodista Alfonso Armada foi o encargado de escribir o manifesto que cada ano celebra o Día da Poesía e que lerá ás 19,30 horas no balcón do Teatro Principal compostelán. O programa, porén, comeza ás 12,30 da mañá cun café-faladoiro no que participan o propio Armada e a poeta e periodista Carmen Villar Alonso (na foto).

O recital inaugural comeza ás 20 horas, inmediatamemnte despois da lectura do recital, xa no interior do Principal coa participación de María do Cebreiro xunto a Abe Rábade, Tal Nitzan, María Sevilla, Gustavo Giménez e André Tecedeiro. O programa completo do festival pode consultarse na web alguenquerespira.gal.

Todas as entradas do festival son gratuítas e están dispoñibles para a reserva na web de compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de 11 a 14 e de 16 a 19 h. (teléfono 981 542 462). Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal desde unha hora antes do comezo do recital (teléfono 981 571 026).

O programa do día 22 é unha descarga de dor e de esperanza

O programa do día 22 tamén comeza ás 12,30 da mañá no ambigú do Principal con Cristina Sanchez, unha periodistas que cubriu boa parte dos conflitos de oriente próximo, oriente medio ou as revoltas en Libia. Canda ela, Iván Prado, responsable da asociación Pallasos en rebeldía e da escola de pallasos que existe en Gaza.

Xa pola tarde, o recital das 20 horas, co título A palabra percórreme a pel como beliscos de lume, reúne a potente carga emocional da rifeña Karima Ziali (na fotografía), a saharaui Zahara el-Hasnaui, o kurdo Hekin Sefran ou o palestino Mohamad Bitari. Canda eles a andaluza Isabel Martín e o galego Samuel Merino, que percorren os vieiros dos conflitos da identidade e da desigualdade social.

Os versos deste recital non só arrastran polo seu horizonte as sombras de loitas centenarias en defensa da dignidade, senón que afondan na súa dimensión literaria na dor que asolaga o mundo invisible ao outro lado das nosas costas. Estamos ante palabras que estremecen e que nos fan vibrar coa luninosidade da esperanza e a imparable marcha do seu canto.

A xornada do sábado 23

O festival conclúe o sábado 23 co café-faladoiro de Caetano Díaz con Daniel González Palau no ambigú do Principal e o programa Atravesei a cerca –ás seis da tarde– coas voces de Olalla Cociña, José María Cumbreño, Dores Tembrás e Luís López Alonso con Rafael Mallo.

A clausura será na Igrexa da Universidade a partir das oito e media da tarde cun despregamento impactante de música e poesía da man de Guadi Galego con Su Garrido, a rapeira Eskarnia, a cantante do Val de Arán Alidé Sans e o dúo de tecno-poesía valenciano No Poet. Nesde recital tamén lerán os seus versos os estudantes gañadores do Premio Respira!, Aroa Misa García, Serxio Abalo e Claudia Romero Dorna.

O festival

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Lara Dopazo en comunicación, Iris Cochón na coordinación literaria; Soedade Noia na coordinacion do Premio respira! e Anxos Sumai na revisión lingüística do volume que se publicou con textos e biografías de cada poeta que participa no festival.


 

Alfonso Armada, autor do manifesto: “Que a guerra nunca nos sexa indiferente”

Como cada ano, o Alguén que respira! ofrece un texto con motivo do Día Mundial da Poesía, que nesta sétima edición escribiu Alfonso Armada e que leva por título Manifesto fóra de campo ou a guerra é un asasinato. O propio encargarase de lelo no día 21 de marzo, xoves, desde o balcón do Teatro Principal nunha acción previa ao recital inaugural. “Pode un manifesto poético ser un manifesto?”, pregúntase máis adiante: “Pode un manifesto ser un manifesto sen ser poético?”. Ao cabo, o que máis lle inqueda a este poeta de profesión xornalista, que foi cronista de multiples conflitos bélicos, é que a guerra poda resultarnos nalgún momento indiferente.


 

A libraría Pedreira abrirá unha xanela no Principal para darlle presenza ao libro

O Alguén que respira! contará nesta sétima edición cunha libraría que ofrecerá  non só os libros das persoas que participan desde a programación poética, senón tamén unha ampla oferta de poemarios editados en Galicia e fóra do país. Pedreira, con Antón e Chus como responsables, será a encargada de abrir unha xanela do vestíbulo do Teatro Principal para que tamén o libro sexa protagonista do festival. Os debates e reflexións das Mañás do Ambigú, que se celebran a diario no Principal a partir das 12,30, serán tamén unha oportunidade de atopar lecturas que complementen a reflexión sobre un mundo ao bvordo do conflito global.